lunes, 29 de mayo de 2023

AS PRIMEIRAS REVOLUCIÓNS DA IDADE CONTEMPORÁNEA: DA SERVIDUME Á LIBERDADE.

FEITOS MÁIS RELEVANTES NO INICIO DA IDADE CONTEMPORÁNEA (SÉCULOS XVIII E XIX)

- A ERA DAS REVOLUCIÓNS

   Nas últimas décadas do século XVIII arrinca un proceso revolucionario que vai ter como finalidade debilitar o ABSOLUTISMO en Europa, estendendo ideas tan modernas como a igualdade, a defensa da liberdade ou a utilidade da razón e da cultura para mellorar as sociedades.

   A causa fundamental deste proceso revolucionario é o éxito dun movemento cultural do século XVIII, denominado ILUSTRACIÓN e que tivo un importante desenvolvemento en Francia (Montesquieu, Rousseau…) e Gran Bretaña. Os autores da ilustración publicaron obras nas que defendían ideas tales como:

- A necesidade de usar a razón e a cultura para mellorar as sociedades.

- A procura da felicidade como unha finalidade dos seres humanos.

- A defensa de dereitos tales como a liberdade e a igualdade.

- A negación de que o poder do rei ten orixe divina. De feito, Montesquieu defende a necesidade da SEPARACIÓN DE PODERES e de que funcione a SOBERANÍA NACIONAL. Segundo a súa teoría, o pobo debe elixir os seus gobernantes (SOBERANÍA NACIONAL). As persoas elixidas polo pobo constituirán o Parlamento, encargado de propoñer, debater e elaborar as leis (poder lexislativo). Ese Parlamento elixe á súa vez o Goberno (poder executivo), que fai públicas esas leis, por cuxo cumprimento deben velar os xuíces (poder xudicial).

   Estas ideas chegan ás 13 colonias que o imperio británico tiña na costa este de Estados Unidos desde o século XVII. Os ingleses, con problemas económicos, debido á guerra mantida con Francia, soben os impostos a esas colonias para recadar máis diñeiro: os colonos únense e rebélanse contra a monarquía británica, declarando a súa independencia en 1776 e iniciando unha guerra de independencia que acabará en 1783 e que terá como consecuencia a creación dos EE UU de América, cunha república como forma de goberno.

   INDEPENDENCIA DAS 13 COLONIAS E REVOLUCIÓN FRANCESA (VÍDEO)

   A esta primeira revolución seguiralle a REVOLUCIÓN FRANCESA, iniciada en 1789, co levantamento do pobo parisiense contra o poder absoluto de Luís XVI, simbolizado na toma da prisión da Bastilla. As ideas da Ilustración dan o seu froito no territorio francés, con serias dificultades económicas e cun pobo moi descontento do seu rei. Serán anos moi convulsos e violentos, nos que se ensaiarán diferentes formas de goberno, ata que aparece en escena a figura de Napoleón, que se autoproclamará emperador. Francia non alcanzará un goberno republicano e asentado sobre as ideas da ilustración ata a revolución de 1848. En realidade, o século XIX será unha época de sublevacións e de loitas dentro do panorama europeo por acabar co poder absoluto e para crear gobernos parlamentaristas elixidos libremente o pobo.

   Tamén en América, moitas colonias dominadas por España desde o século XV inician procesos de independencia ao longo do século XIX, inspirándose nas revolucións de EE UU e de Francia.

    Varios países europeos, que conseguen deixar atrás o absolutismo e implantar gobernos liberais experimentarán tamén un gran desenvolvemento económico, debido á segunda revolución industrial, a partir de 1850 : desenvolvemento de novos medios de transportes (novas máquinas de vapor, avión, automóbil...), de novas fontes de enerxía (gas, petróleo, electricidade…) e de novos medios de comunicación (teléfono…). É o caso de Gran Bretaña, Francia ou Alemaña, cuxo desenvolvemento industrial obrígaos a buscar materias primas noutras zonas xeográficas: crean novas colonias en diferentes zonas do mundo (África, lugares de Asia…). Eses países poderosos chamaranse METRÓPOLES e esta etapa coñécese co nome de IMPERIALISMO. De feito, as disputas pola posesión destas colonias serán unha das causas da primeira Guerra Mundial (1914-18).

- O INICIO POLA LOITA DOS DEREITOS FEMININOS: OLYMPIA DE GOUGES

- Investiga o papel de Olimpia de Gouges na Revolución Francesa. Podes facelo utilizando o seguinte enlace: OLIMPIA DE GOUGES OU A LOITA POLA IGUALDADE

- A pesar dese precedente, en España houbo que esperar moitísimo tempo a que o papel da muller na sociedade fose equiparable ao do home. A través desta ligazón, poderás ver o complicada que era aínda a vida das mulleres no século XX: https://www.elconfidencial.com/alma-corazon-vida/2020-03-10/mujer-cosas-100-anos-feminismo-8m-no-podia-hacer_2488096/



No hay comentarios:

Publicar un comentario

COMO VIVEN AS MULLERES AFGANAS? NON PODEMOS TORCER A CARA...

      Mañá, martes, imos ter no IES unha actividade ben interesante: vannos visitar un grupo de mulleres de orixe afgana que viven refuxiada...